Atención ao público: luns a venres, de 8:00 a 15:00 988 465 552 rairiz@rairiz.gal

Turismo

Aldeas de pedra, rutas e unha paisaxe de veigas

Ruta dos muíños de San Miguel

Muíño na ruta de San Miguel

Para os amigos de ir a tiro fixo ofrécese unha ruta que arranca do mesmo Congostro, do lugar chamado A Rebulleira. Apenas se pisa o asfalto. É un itinerario moi interesante tanto pola flora como polas construcións populares e polas paisaxes que se dominan.

O percorrido faise sempre cara arriba; no km 0,6 vese o primeiro dos muíños, edificado á beira do rego de Penelas.

A San Miguel chégase aos 19 minutos de andadura. Trátase dunha aldea que, a pesar de ter algún elemento de materiais novos, se presenta polo xeral ben conservada, cunha boa colección de canastros.

No km 1,45 aparece un segundo muíño; tras unha pequena costa atópanse outros dous, un deles moi ben restaurado.

Xa de volta, un carreiro leva ao impresionante castro de San Miguel, que compón unha magnífica paisaxe coa chaira da Limia aos pés. Atopámonos de novo coa aldea de San Miguel, deixando un forno restaurado que funciona de cando en vez. Pouco máis abaixo está o lugar de Santo André, unha aldea hoxe rehabilitada para turismo rural. Camiño abaixo chegamos a Congostro e rematamos na súa espectacular aira.

  • Saída A Rebulleira (Congostro)
  • Tipo Circular, sempre cara arriba na ida
  • Ver Muíños, San Miguel, castro, Santo André

Aldea turística de Santandré

Saíndo de Congostro cara a San Miguel atopamos a aldea rural de Santandré. Consiste nun pequeno grupo de casas illadas, totalmente restauradas. Desde elas divísase Congostro dentro do contexto da comarca da Limia. A súa situación, xunto co ambiente familiar, fai deste espazo un lugar realmente acolledor e tranquilo.

Onde durmir

Aloxamentos activos no concello segundo o rexistro oficial de Turismo de Galicia (novembro de 2026). Para reservas, contacta directamente con cada un.