Reserva da Biosfera
As Veigas da Saínza, Ordes e Congostro
As Veigas da Saínza, Ordes e Congostro conforman un Lugar de Interese Comunitario. Trátase dunha valgada encharcada por mor da lenta drenaxe, que ocupa unhas 1.500 ha. O significado máis común de «veiga» é pasteiro húmido.
O asolagamento nas estacións húmidas confírelle unhas especiais condicións ás zonas húmidas e ás carballeiras. Nelas conviven gran diversidade de especies, anfibios e aves, así como unha rica flora lacustre.
Inclúense na Rede Natura 2000, iniciativa europea que ten como obxectivo «garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e a flora e a fauna silvestres». Ademais forma zona núcleo da Reserva da Biosfera Área de Allariz.
As nosas veigas configuran unha valiosa testemuña da paisaxe tradicional. É un dos poucos territorios da Limia que aínda conserva a paisaxe dos tempos da Lagoa de Antela. Posúe un extraordinario interese paisaxístico e etnográfico, e conserva como actividade principal a agricultura.



